Fraga
Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—Non digo que o fagas mal, mais poderías pronunciar os uves coa boca…

—Abaixo!

—Pero…

—Abaixo! Xa me tes chea, que te aturen os raposos da fraga.

—Non me podedes facer isto. Mirade como vou! Non sei onde estamos. Como ides actuar sen min?

—Xa nos amañaremos. «Vfai» tranquilo.

A ignominia é dolorosa abondo para que non caia no pánico por me atopar abandonado en ningures. Ata a cidade aínda queda un bo treito en coche, como para pensar en percorrer ese camiño a pé. Vou esperar un anaco a ver se pasa alguén que me poida achegar. Seguro que os rapaces xa se están a arrepentir do impulso. O seu complexo de inferioridade e o irascíbel do seu carácter a miúdo teñen estas consecuencias, pero no fondo saben que non lles asiste a razón.

Perdín a conta do que levo a esperar aquí xa. Tan bo era ese atallo que colleu Ramón que non o ha de coñecer ninguén. Non me podo arriscar a seguir agardando ao pé do camiño, se me colle a noite vou estar en verdadeiros atrancos. Algunha agrupación de casas ten que caer preto. Podo ir por aló… ou mesmo por acó. Non se fale máis, collo este camiño que me queda máis á man.

Unha árbore no medio da cidade está ben, mais tantas xuntas satúranme o olfacto. Estaba comezando a pensar que esta era unha fraga virxe, pero nesa gran rocha hai unha inscrición: «Está a piques de se internar en Denantes. Trabucouse na encrucillada». Seica imos polo bo camiño, aínda que esta verea semelle angosta en exceso para ser a entrada a algures; ademais, a maleza penetra salvaxe nela, como se non transitase xente con certa periodicidade. Quen sabe cantos tipos de bestas estarán á espreita na beira do camiño!