Fraga
Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

Comezo a me sentir estraño. A polpa da tóxica froita, que cría erradicada do organismo, sinto agora como bule pola miñas veas. A sensación de mareo abandonoume o estómago para se instalar no maxín. Todo está a acadar un aire irreal. As cores gañan en contraste, os sons da natureza parecen proceder dunha paraxe distante e as árbores desta parte da fraga semellan adoptar un impropio comportamento humano: configuracións antropomorfas que escenifican as situacións máis macabras. As pólas dun espécime anobélanse contra «o pescozo» do veciño, que mesmo parece debuxar un xesto de agonía por ser estrangulado. Outra árbore, cunha «faciana» de xenreira, terma dun obxecto afiado —en realidade é a follaxe que só está presente no extremo da galla— mentres á súa beira hai un exemplar cunha ferida aberta da que emana resina. Outros semellan desmembrados. Aqueles…

Un episodio de pánico percórreme o espiñazo. Darei saído algunha vez deste monte? Dende as pólas, brazos e dedos deses entes arbóreos, os paxaros parecen estar a chamar por min. Tentan seducirme para que quede a compartir con eles esta clorofílica gaiola. Móvome por pura inercia, apenas sinto xa os pés… Que demo está a pasar? Como é posíbel? A onde vin dar?

De costas, axexando tras un piñeiro, hai un rapaz de raza negra. Esfrago con forza nos ollos esperando que as visións abandonen o meu caletre. Despois de retirar as mans, non son capaz de definir os contornos de inmediato, vanse debuxando devagar. A imaxe por fin se amosa con total nitidez: segue aí!

Achégome con tento, dentro das limitacións da miña actual situación. Acaba de se decatar da miña presenza. Ergo os brazos coas palmas estendidas, tento facerlle saber que non son unha presenza hostil.

—OLA! ENTENDER MIN?

—Unga-lunga? —foi a súa resposta con cara de estrañeza.

—FALAR MEU IDIOMA? —preguntei. Coa palma da man batín no peito ao pronunciar o «meu».

Axítase un gamallo ao fondo. O rapaz —vale, a miña alucinación— bota a correr nesa dirección. Ten unha zancada potente ao tempo que elegante.

Sempre temín morrer dunha maneira estúpida, mais finar envelenado a causa da inxestión dun froito subministrado por unha persoa maior, só lle debeu acontecer antes a Brancaneves.