Rúa
Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Anatolia

Todos os deste personaxe

«Alta e enghurrada. A vella está tan tola como indican o seu pelo e ollos.» Lois

Lois

Todos os deste personaxe

«O salto xerasional afortunadamente suavisou a cousa, mais é do pau de papá e do avó. O maior e máis estirado de meus irmáns. De cando en ves inda se sabe divertir. Non leva moito casado, pero as súas formas xa tenden á curva. Leva unha barba ben arranxada e viste de maneira formal. Boto de menos cando vivía con nós.» Xocas

Marías

Todos os deste personaxe

«Están as dúas viúvas dende que me alcansa a memoria. Sempre sentadas no seu banco. A forsa de enghanar o tempo xuntas, son case que a mesma persoa, tanto en aspecto como en personalidade. As únicas conversas que podo lembrar delas son referentes á meteoroloxía.» Leuco

Ribo

Todos os deste personaxe

«Un can vaghabundo —literalmente— obsesionado con nadar: pasa o día enteiro na praia ou no río, sempre a esperar que aparesa alghén pra lle tirar o pau.» Xuli

Siña Telesfora

Todos os deste personaxe

«Encántalle disirlle a todo varón menor de trinta anos que está feito un home. Camiña a paso de caracol, ten os ollos pequechos e o queixo cheo de pelos duros como espiñas.» Iago

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—Grazas por me guiar, Lois. Estas horas en Denantes foron convulsas para min. Preciso un pouco de acougo espiritual. Ir á igrexa, reflexionar e incluso poñerme a ben con Deus.

—Enténdote, a ánima tamén presisa dun reconstituínte de cando en ves.

Espero que os nubarróns que bloquean o sol neste momento non sexan premonitorios. O día está a avanzar con placidez, confío en que continúe así. Con Lois ao meu lado, síntome máis seguro ante as sorpresas que nos agarden no camiño.

—Mira quen vén aí, siña Telesfora, a típica vella pesada que leva toda a vida a disir as mesmas cousas —alertoume sobre unha muller maior coa que nos imos cruzar en breve. Era baixiña, avanzaba coas dificultades propias da idade. Vestía o clásico uniforme lutuoso: saia longa ata os pés, blusa austera e pano na cabeza (por descontado, todos eles pardos), amais dunhas zocas tradicionais.

—Ola, Iagho. Que barbaridade! Hai que ver como medraches. Así xa está ben, eh?, que despois non entras polas portas! Estás feito un home. Ademais, aghora con eses quiliños que colliches estás máis ghuapo. Pero aféitateme, home. Este é o famoso visitante, o que entúa nas óperas de teatro, non? —Asentín mentres portaba un sorriso de compromiso—. Vese bo rapás, e iso ten moito mérito. Eu marcho xa que vou darlle de comer ós ghatos. Teime coidado co sol, que parés’ que non, porque está así o día como atoldado, pero si que fai mal. Ata mañá se Deus quixer. —A muller seguiu o seu camiño.

—Que che disía eu. Toda a vida ighual. Que che dighan con catorse anos que estás feito un home e o moito que estás a medrar, aínda; pero con vinte e catro… Ademais de confundirme co meu irmán Iagho, outro clásico.

—Non te pases, que non é para tanto.

—Claro, ti como non a vas volver ver na vida… pero eu se mañá me atopo con ela, mañá que volve disir o mesmo.

—Por certo, si que voan as novas…

—Por te coñeser, dis? —Fixen un xesto con cellas e mans remarcando a evidencia—. Se chegha a ouvidos de Pía, todo aquel que vaia á mañansiña ó mercado estará máis ca informado.

—Vas vir ó cine esta noite?

—Claro, alí estarei. Moita sorte! É un luxo ter un actor profesional pra le-los rótulos. —Resulta agradábel que de cando en vez a un lle recoñezan os méritos.

Sen maior incidencia, avanzamos camiño da igrexa. Axiña nos cruzaremos cunha nova persoa: outra anciá, esta alta e macilenta. Camiña coa mirada perdida. A maneira agreste de levar o cabelo potencia o seu aspecto de tola.

—E este? —dixo a muller de maneira cortante.

—É un actor que está de visita, Anatolia.

—Boh!, que máis dará seghir o marcado por un dramaturgho ou por un demiúrgho. —Proseguiu a súa marcha con desgana mentres nos achegabamos á praia.

—Aquí vén este…

—Non trae algo na boca? —Contra nós viña un can cun obxecto alongado sobresaíndo a ambos lados do fociño. O seu rabo non se detiña nin un intre.

—Pois claro, tráenos un pau pra que llo tiremos ó mar. Veña, trae aquí, Ribo. —Unha vez que Lois colleu o pau, a ansia posuíu o animal. Dá pequenos botes ao tempo que se achega ao mar sen deixar de fitalo. Lánzallo tan lonxe como pode e dá media volta mentres o cuadrúpede penetra no océano a toda velocidade.

—Fai isto acotío?

—Acotío? Non fai outra cousa. Pasa o día enteiro na praia ou no río; menos cando está a comer, durmir ou a montar a alghén. Non hai máis que verlle os pelos, soldados pra sempre os uns ós outros. Por iso mesmo se lle puxo o nome de Ribeirán. É ver pasar por aquí a alghén e achegharse pra que lle tiren o pau. O seu coa augha é unha obsesión! Vamos, antes de que volva.

—Coñeces o párroco? Que tal é?

—Si, é un Egruever, o meu tío avó. Como persoa maior é bastante tradisional, pero ten bo fondo. Meu primo Maeloc, que leva unha capela por aí arriba, é xa máis moderno na súa consepsión do evanxeo. Mira, aí as están, sentadas no mesmo banco dende hai trinta anos. O tempo converteunas en xemelghas, que digho xemelghas, son a mesma persoa desdobrada.

—Bos días. Estabamos a comentar que, por moito que ande día encapotado, non ten trasas de que vaia chover.

—Si, non parés’ —respondeu Lois sen sequera detérmonos. Avanzamos un chisco. Atrás quedaban xa as dúas vellas—. Estas dúas que, por compartir, ata comparten nome, María, quedaron viúvas décadas atrás. Dende entón pasan día tras día nese banco. Tanto tempo levan xuntas que, como can e dono, acabaron por se pareser. Eu xa apenas as distingho. Losen ighual e falan idéntico, ademais son persoas monotemáticas, pásanse a vida en insulsas conversas referentes ó tempo que vai. Éme difísil maxinar seres máis aburridos.

—Polo menos téñense a unha á outra…

—Xa cheghamos. Podes sentarte e botar o tempo que queiras. Eu vou avisar a tío Brais á sancristía pra que se acheghe a te confesar. Xa non volvo, quedei con Maeloc. Deica, vémonos.

—Adeus e grazas.