Casa
Isadora
Cibrao
Isadora
Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—Nena, aghora toca a risada… —Fixo unha pausa para tentar pasar por súas palabras alleas—. É a tradisión e a túa nai habíalle ghustar. —Diso estou segura—. Tes qu’ir pr’arriba.

Aínda que me escoltan lixeiros ata as escaleiras para que non teña contacto co féretro, xírome ao ir polo terceiro chanzo o tempo xusto para fitar a cara da mamá. Dende logo que as Egruever fixeron un gran traballo, semella mesmo unha persoa viva; mais non miña nai. Ela endexamais tivo esa expresión tan solemne. Incluso nos malos momentos mantiña un ceno cálido. Era unha desas persoas que riría ata no seu funeral.

Non asistín a ningunha risada, mais esta será a segunda vez que a escoite. Cando nena, ao morrer miña avoa materna que vivía connosco nesta casa, tamén a houbo, pero os rillotes quedan arredados dos defuntos. Iso non puido evitar que o sorriso de miña nai nun dos seus días máis tristeiros se me quedase gravado por sempre. Hoxe tampouco podo ficar abaixo porque seica a mistura de aires, do risado e da morta, son prexudiciais para o bebé. Trátase dun ritual de purificación. Tamén supón ao tempo un inciso liberador na dor dos asistentes ao velorio. Faise á tarde da véspera do enterro, así queda tempo para outros actos máis formais.

Arriba, e con todas as portas pechadas, os diálogos resultan inintelixíbeis, unha só pode captar o ton. De primeiras mantense o queixume de fondo, con algún salaio máis intenso de cando en vez. Segundo transcorren os minutos, ese pranto ambiental cesa sen que sequera me decate do momento exacto no que sucedeu. O crescendo no volume das conversas é paulatino. Contra o principio, mantíñase a gravidade; agora leva xa unhas trazas máis relaxadas. Xorde á fin algunha pequena chanza acompañada dunhas breves e inda nerviosas risas. Os relatos son cada vez máis afoutos e as reaccións menos contidas, ata que unha pequena expresión pronunciada a pleno pulmón fai que a meirande parte da sala rache en gargalladas. Centrarme en percibir os sons tamén me está a servir como evasión. O leve cheiro a risado que sinto é tan feble que talvez proceda do meu propio maxín. A estas alturas o balbordo alcanza a miña posición sen necesidade de afiar o ouvido. Se antes toda a sala estaba centrada nun foco común, agora as bromas bulen en pequenos grupos e as risas chegan a cada instante. Entón, sobre todas elas destaca a de maior familiaridade, que é incluso a máis estrondosa gargallada da tarde enteira. Dúas lágrimas xemelgas esvaran asemade polas miñas faceiras.