Casa
Cibrao
Cibrao
Oliva

Todos os deste personaxe

«Unha muller maior entreghada ós demais. Sempre se preocupa de que non me falte de nada. Se hai alghún denantés en apertos, sempre é a primeira en acudir.» Sibila

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

Levo xa… Vexamos, un día son vinte e catro, máis dende as… Non, iso non pode ser porque levo unha… Son incapaz de pensar con claridade; demasiadas horas esperto… Calquera reflexión que traia ao maxín presenta un eco. Voces familiares en repetición constante. «Sibrao, túa muller», «túa muller», «prométame unha cousa», «prométame», «prométame». Un ruído de fondo que dificulta o cavilar.

As candeas iluminan a estancia cunha luz feble, íntima. Os prantos son afogados e as agullas do reloxo camiñan paseniño, a recreárense na dor. Os intentos de fixar a vista acadan axiña unha imaxe neboenta que só volve clarexar ao mudar os ollos de posición. As pernas peludas de Candeloria colgan por fóra do féretro, inertes. Longas e estilizadas, case agariman o chan no seu acaneo monótono produto dunha corrente de aire. Incluso semellan estalicarse por veces, na procura da madeira. Os seus braciños, enxoitos e afiados, tamén asoman alén da caixa. Incluso se aprecian outros catro máis apertados ao tronco. Os seus dous pares de ollos escuros brillan con xenerosidade, reflicten unha vitalidade pretérita. As súas fauces descansan abertas, aínda húmidas. O seu abdom… Un momento, casara eu cunha araña!?

É incríbel o escuro que está aí fóra… «Unha cousa»… Acordo a tempo para erguer a cabeza de novo. Esta vitoria momentánea ao sono fai que estea espelido, alerta. «Prométame», «prométame»… Volvín pombear. Teño que concentrarme en algo, non podo quedar a durmir no velorio de miña dona; que ía pensar a xente? Ben, Oliva está a rezar o rosario, iso manterame en pé.

—Xesús dixo: «enchede de augha eses resipientes»…

…..

—Candeloria, que andas a preparar? Hai que ver como arresende! —Está erguida onde a lareira.

—Xa ves, quentando a augha. —Ao darlle un par de voltas coa culler, o líquido incoloro torna de socato en verde—. O tempo cumpriuse, cheghou o Caldo de Ghrelos.

—Ten un aspeto estupendo! O meu bandullo conta os seghundos pra poder catalo.

—Os poderes da fame endexamais o poderán venser.

…..

—E ben? Que che parés’ este trax’ pra levar ó bautiso do neno?

—Non sei, se cadra é atrevido de máis. O marrón acáeche moi ben.

—O TRAX’ D’IR SACHAR NAS PATACAS!? —Mentres me estaba a rifar a súa faciana mudou de aspecto e a roupa volveuse dunha brancura fulgurante.

—«Da nube cheghou unha vos que disía: Este é o meu Fillo, o meu Elixido; escoitádeo.» San Lucas, capítulo 9, versículos do 29 ó 35. —Quedei a durmir. Alguén se decatou? Parece que non. Céntrate, Cibrao. Iso que ten Oliva no queixo é un pelo?

…..

—Sibrao!

—Si, dime. Perdoa, Candeloria, estaba despistado.

—Isto —dixo achegándome un anaco de pan— é o meu corpo. —Ao escoitar estas palabras, baixo a mirada á man coa que termaba o alimento tras captar un humedecemento súbito da rebanda. O que repousa agora na miña palma é a cabeza de Candeloria, cortada con violencia polo pescozo. Zumega un sangue negro e espeso que me escorrega polos dedos. Os ollos, que sobresaen da caveira, e a mandíbula, desencaixada, deformada, amosan un ceno de agonía infinita.

—AAAAAAAAAAAAAAH! —Toda a sala permanece en silencio fitándome con terror.