Caldo xusticieiro

Casa
Oliva

Todos os desta narradora

«Unha muller maior entreghada ós demais. Sempre se preocupa de que non me falte de nada. Se hai alghún denantés en apertos, sempre é a primeira en acudir.» Sibila

Isadora
Oliva

Todos os deste personaxe

«Unha muller maior entreghada ós demais. Sempre se preocupa de que non me falte de nada. Se hai alghún denantés en apertos, sempre é a primeira en acudir.» Sibila

Sindo

Todos os deste personaxe

«Sempre está á busca de formas de papar e beber de moca e de maneiras de ghañar cartos co mínimo esforso.» Olga

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—Ola, xa están aquí? —pregunta Isadora ao regresar. Referíase a seus irmáns, que acaban de chegar no vapor.

—Si, haiche nadiña. Están arriba. Como che sentou o ar? —Pregunteille cun cálido sorriso.

—Ben, estou mellor. Ghrasiñas por te preocupares, Oliva. —Por me preocupar? Porcona! O fedor a sexo chega ata aquí. Levas a luxuria e o adulterio impregnados en cada recullo desa roupa de dubidoso gusto. Xa arderás no inferno, xa…

Séntese alguén a baixar polas escaleiras, deben de vir co cadaleito. Collo a lurpia de Isadora polo brazo:

—Vamos, nena, non podes estar aquí.

—E logho?

—Están a baixar a caixa coa defunta de túa nai.

—Quero vela!

—Pero que che pasa!? Estás embarasada, pensa un pouco na criatura. Queres que lle dea mal de ar? —Aínda que a este neno xa non o libra ninguén co que acabas de facer. Dubido ademais que fose a primeira vez.

Lévoa do brazo á cociña, séntoa e procuro situarme o máis lonxe posíbel. O gafume que desprende está a me marear.

Pasado un anaco, entran seus irmáns a saudala. Unhas cantas apertas e unhas bágoas camanduleiras. Como quen que a Ourente ou Catulo lles importa unha cona súa nai. Había unha morea de tempo que non viñan pola vila. Por non falar da filla que fornica con Candeloria aínda de corpo presente…

Xa está aquí o pedichón este. Sindo aparece pola porta da cociña e vai directo a unha veciña que está sentada onda a lareira a lle dar o pésame. O pobre diaño nin sabe quen é a morta ou os seus parentes.

—Ola, Sindo, a apoiar a familia nestes momentos complicados?

—Hai que ser bos visiños. —Malparido!

—Parés’ que co lusquefusque está a se revirar o día, eh? Non tardará moito en chover. Queres unha cunquiña de caldo pra entrar en calor? —Pregunta retórica.

—Non vaias pensar, a larica marchoume toda. Nestas situasiois péchaseme o estómagho. —Si, claro—. Mais probarcho, si que cho probo. —Éncholle a cunca ata arriba, así esgane!

—Mmmm, contra o final ten un ghusto así como aghre; dálle o seu aquel. —Correspondín as súas palabras de adulación cun sorriso cómplice. Mal saben todos estes que vertín medio ouriñal no caldo. Como se merecesen outra cousa…