Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

Esta é unha das sensacións máis angustiosas que se poden ter: acordar no medio da noite, inmóbil, sen poder respirar. Co peito oprimido, como se tivese alguén derriba. Os músculos non responden á miña demanda. Non podo evitar pensar que este é o final, aínda que xa pasase por isto en máis ocasións. Grito, mais a voz non atopa saída. Como se cada unha pesase centos de quilos, destino todas as miñas forzas a tentar abrir as pálpebras. Cos ollos xa útiles, percibo unha luz tremelucente, tenue, se cadra pola distancia. Ha de entrar pola miña fiestra, ilumina apenas o teito da habi… Pero que demo?! Esta non é a habitación onde me deitei. A onde foron os trastes? O teito semella tallado durante séculos polo paso da auga. Onde me atopo?

Un ser esquelético asómase de súpeto sen deixar de me oprimir o peito co seu peso. Enfronta a faciana á miña. Da súa boca noxenta e viscosa emana un fedor nauseabundo. Espreita coa súa mirada sen ollos, esculca no máis fondo do meu ser. Pecho os meus como se fose un cativo, convencéndome de que o que non podo ver non está aí. Ábremos decontado coas súas mans carnosas, finas e ao tempo firmes. Instala un sorriso sinistro no seu rostro e saca unha lingua ennegrecida que gotea un líquido escuro e espeso. Pásaa cun movemento rápido pola dentadura infecta. Trato de pedir auxilio, pero unha vez máis o ouleo afógase no meu interior. Unha das mans sóltame o ollo e sae do campo de visión. Regresa decontado asindo unha agulla oxidada. Atravésaa sen dificultade na pálpebra, cósema á cara xusto embaixo da cella. Podo escoitar con detalle cada puntada: como perfora a pel mentres adhire partículas de ferruxe no ínfimo burato, como corre o fío mentres acada unha cor sanguinolenta. Unha, outra e outra vez máis. Con precisión de cirurxián; non, mellor aínda, de costureira. Remata á fin o labor. Fora doloroso e arrepiante, si, mais agora a indeterminación é case peor. Temo pasar por cada un dos sufrimentos imaxinábeis. Que será o seguinte?

Baixa de enriba de min aínda que os meus pulmóns seguen contraídos. Mantense erguido á miña beira, á vista. Turra da cadea que lle sae do chaleco e o reloxo vén canda el. Abre a tapa cun xesto rápido do polgar e achega o trebello á altura da queixada. Inclínase para que poida velos a ambos polo miúdo. O seu ceno sádico escolta o aparato de medir o tempo: ten un gran tamaño —inda que se trate dun modelo de peto— e vai vestido dun dourado refulxente. Leva gravados números romanos escritos nunha caligrafía preciosista, porén, está desprovido de agullas.

Un queixume, tan indescritíbel como estarrecedor, emana do máis fondo da cova. O pranto vai aumentando devagar a súa intensidade, sinal inequívoco de que esa besta, a Crebandougada —que outra cousa podería ser?—, achégase. Unha silueta informe proxéctase na parede. Da sombra emerxen as súas garras enormes: estalícanse na miña dirección. As unllas penetran no meu abdome esgazándoo de punta a punta. Sigo sen controlar nada máis que os ollos. Báixoos tanto como podo, mais é inútil, non vexo alén do nariz. Noto como se me estivese a baleirar. O banquete está acompañado por toda sorte de sons guturais. O pavor está a producir efectos analxésicos. Apenas sinto dor física. Será en verdade a miña ánima o que está a devorar?