Cemiterio

Todos nesta localización

Lápidas e nichos,
flores, choros e responsos.
Fogar de ánimas ermo;
derradeira vía ao inferno.

Aldara

Todos os desta narradora

«Di ter todos os males coñecidos pola ciencia, ademais doutros moitos que aínda están por descubrir. Non chega ó cuarto de século, mais non fai outra cousa ca pensar na morte. Pequena e moi fraca, hai na vila cans que pesan máis ca ela. Extremadamente pálida, quen sabe se é a verdadeira cor da súa pel ou consecuencia da súa agonía perpetua.» Don Primitivo

Aldara

Todos os deste personaxe

«Di ter todos os males coñecidos pola ciencia, ademais doutros moitos que aínda están por descubrir. Non chega ó cuarto de século, mais non fai outra cousa ca pensar na morte. Pequena e moi fraca, hai na vila cans que pesan máis ca ela. Extremadamente pálida, quen sabe se é a verdadeira cor da súa pel ou consecuencia da súa agonía perpetua.» Don Primitivo

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

Un lugar onde na porta reza: «Gloria eterna aos que nos deixaron a vida, a terra, a fala e a empanada» non pode ser tan malo. Máis cedo que tarde rematarei aquí. Se cadra semella tétrico porque nunca o observei coa mirada axeitada, deámoslle unha oportunidade cos ollos limpos.

Non noto nada especial desta beira do limiar. É un sitio fermoso: a herba é verde intenso; a paisaxe, pródiga en árbores; as flores, que abarcan a totalidade do espectro, alegran un lugar inmerso nunha fonda tranquilidade. Fresco, polas sombras dos cipreses, en verán; morno en inverno. En cada inscrición de cada lápida adivíñase un grande aprecio. É un lugar construído dende o amor e o respecto, sentimentos que se cadra son máis fortes ca a morte mesma.

A quen pretendo enganar, non hai nada máis aló da putrefacción. Este contorno fecundo resulta favorábel para a proliferación de bacterias, insectos e calquera outro tipo de bechos. Nesta serenidade sepulcral, unha pode escoitar todo aquilo que acostuma presentarse latente aos nosos sentidos. Son quen de percibir o renxer da luída madeira aí embaixo, perante o paso do tempo, e o continuo, inexorábel, mastigar dos vermes na carne en descomposición… AH! NON QUERO! Non quero rematar aquí! Non quero servir de pútrido alimento para ninguén!

—Axúdeme! —Diante de min hai un home coa cara ensanguentada bloqueándome a saída. Leva roupas de séculos atrás. Debe de ser un dos que xacen no camposanto. Pretende que quede con eles. Pero non é o meu lugar; moito menos o meu tempo. Aínda estou viva e teño que facer o que sexa por saír de aquí! Outra maneira non hai máis que pola porta. Veña, Aldara, pecha os ollos e corre contra el como se estiveses —estás— a fuxir da morte.