Paporroibo
Rúa
Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Elixio

Todos os deste personaxe

«En cada particularidade de Denantes e as súas xentes atopa unha conspirasión. Seghundo el nada é o que parés'. Ha de ser da miña idade, inda que semella máis novo de aspecto. É pequeno, ten o pelo neghro e uns ollos asuis que, do claros que son, meten medo.» Xiana

Faxildo

Todos os deste personaxe

«Calvo e con barba. Está cadrado. Renegha do home actual, tan afastado dos animais; compórtase coma eles.» Iago

Olga

Todos os deste personaxe

«Fai a mellor empanada de risado da vila, e, por extensión, do universo. Consérvase bastante mellor ca Bilisario, seu home. É de mediana estatura, xenerosa en curvas e ten o pelo inda neghro e peiteado en coleta. Viste sempre o mandil.» Abisinio

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—QUIIIIII-QUIIIIRIIIIIII-QUIIIIIIIIIIIII!

—Faxildo, como te colla, heiche meter a forcada polo cu!

—Puto enfermo do carallo!

—Silvina, tráeme a escopeta, que con este polo imos ter sena pra toda a semana!

—QUIIIIII-QUIIIIRIIIIIII-QUIIIIIIIIIIIII!

Achégome á fiestra e vexo o cheiracús subido no tellado do veciño. Está a imitar o canto dun galo… de oitenta quilos! Mentres, a xente das proximidades profire toda sorte de insultos e ameazas. Eu que pensaba que ao marchar co romper do día non ía vivir hoxe sucesos estraños…

Olga está xa co almorzo preparado. Azóutame un sentimento efémero de nostalxia. Razón de máis para saír de aquí axiña.

—Bos días. Como durmiu hox’?

—A verdade é que, obviando o incidente do «galo», mellor que a noite anterior. Iso seguro. Sen pesadelos e do tirón. Vou tomar só leite, non teño ghana de comer nada. —Ghana?, ghana?, isto é peor do que pensaba. Como non marche decontado…

—Tome, pero isto non é almorso pr’un home. —Correspondina cun leve sorriso.

 

—Ben, Olga, eu marcho xa. Deica, Chano! —O fillo acababa de baixar cos ollos aínda cheos de lagañas—. Teño asuntos que atender. Non quero perder o barco de hox’. —E agora dixen hox’. Merda, merda, merda!—. Despídame de Belisario. E grazas por todo.

—Seghuro que non quere que lle mande nada pró camiño?, quedan uns anacos de empanada d’onte. —Niso estaba a pensar eu, en botarlle risado ao corpo.

—Non, de verdade. Moitas grazas.

O día é luminoso, reflicte as miñas perspectivas de fuxida. A rúa está aínda baleira a pesar de Faxildo. Perfecto, pronto estarei lonxe; a salvo.

—Pssss, señor! Psss, señor! —Alguén está a chamar por min. Xa dicía eu que non todo podía ser tan bonito—. Pódoo acompañar ó vapor? —Elixio, o que me faltaba.

—Non cómpre que vexan que intimei máis do imprescindíbel con ninguén. Xa sabes que poden andar á espreita. Compréndelo? —Se me podo aforrar aturar a calquera denantés, farei o posíbel porque así sexa.

—Por completo —dixo ás abaixadas—. Se alghún día nesesita un compañeiro prá crononaveghasión, aquí me ten.

—Non esquecerei a túa discreción, Elixio. Grazas por todo. —Alí o deixei, todo cheo de razón.

Xa vexo o barco ao fondo, escanastrado de forma encantadora. O mar resplandece derredor ao contacto das raiolas douradas do amencer. Ningunha gaivota. Nin vellos nin esqueletos á vista… A felicidade é total. Mmm!, mesmo creo percibir un doce arrecendo a pexego, aínda que por aquí non haxa árbore tal.