Paporroibo
Actor

Todos os deste narrador

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Actor

Todos os deste personaxe

«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora

Elixio

Todos os deste personaxe

«En cada particularidade de Denantes e as súas xentes atopa unha conspirasión. Seghundo el nada é o que parés'. Ha de ser da miña idade, inda que semella máis novo de aspecto. É pequeno, ten o pelo neghro e uns ollos asuis que, do claros que son, meten medo.» Xiana

Hoxe

Todos neste tempo

«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea

—Sei quen é —dixo un home que se acababa de achegar á barra, onde estou a lle botar un grolo arredado dos demais.

—Asistiu a algunha das miñas representacións? —expuxen unha hipótese.

—Pode deixar de finxir comigho. Sei que vén de moi lonx’ —articulou en voz baixa, con complicidade, para botar a continuación unha ollada derredor con desconfianza.

—Xa, non son de aquí, pero tampouco é que viva a tantísimos quilómetros!

—Comprendo que queira aghocha-la realidade a todos estes aldeáns que non serían quen de aseptala, mais non teña medo comigho. Sei que vén de lonx’, pero de lonx’ de verdade; non catro pobos máis aló, senón varios séculos alén.

—Entón, segundo vostede, eu… —Mordín o beizo inferior.

—É un viaxeiro no tempo! Teño que ghabarlle o personax’ improvisado, case me conseghe despistar. Pero esa roupa… está demasiado ben feita pra ser un disfrase pr’unha obra de teatro. Ben se ve nos tesidos e no acabado. —Se soubese o proceso de fabricación destes trapos… Dende logo que bo ollo non ten este demente.

Dar con alguén con desordes psíquicos en Denantes, baseándome na miña curta experiencia, parece algo do máis habitual. Intentar razoar non semella que vaia ser produtivo. Deámoslle renda solta ao meu talento interpretativo.

—Está ben, colleume —dixen cun ton de voz feble—. Podo contar coa súa discreción? —Ao escoitar estas palabras, iluminóuselle a faciana.

—Dende logho que si —respondeu con importancia—. É un deles?

—Mmm…

—Xa sabe a quen me refiro.

—Sei. Non, non exactamente.

—Non me digha máis, tamén o controlan.

—Algo así. —A quen se estará a referir?

—Conte, como é iso de viaxar no tempo? Doe?

—Non lle vou negar que un pouco si. Un descomponse para volver compoñerse no pasado ou no futuro. É un proceso se cadra máis molesto ca doloroso. —Por exemplo.

—De onde vén aghora?

—Esa é unha pregunta que non lle podo responder, pola súa propia seguridade. —Asinte coa cabeza.

—Díghame polo menos que fai eiquí?

—Non deixa de ser un accidente común nas viaxes no tempo. Un non sempre remata onde pretende.

—U-la máquina do tempo? Tena aghochada no monte?

—Ó principio dos… —Como se chamaba ese deus grego?—. Da… crono… navegación, ó principio da crononavegación, é certo que se usaban grandes máquinas. Mais agora, o trebello colle nun peto. Coidado, achégase alguén! Disimule, cónteme algo sobre galiñas ou algún deses temas dos que falan por aquí.