Branco mortuorio
Paporroibo
Descrición.
Actor
«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora
Abisinio
«O meu compadre. Un retranqueiro coma min. Ten familia, pero como se non a tivese. Pasamos o día enteiro n’O Paporroibo. Os anos non caen en balde, ten que se axudar cun caxato pr'ir da taberna á casa e da casa á taberna. Non é moi culto, os libros nunca foron o seu, pero ten moito mundo.» Senén.
Actor
«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora
Belisario
«Bili é o que nos pon os viños n’O Paporroibo. Aghás prá empanada, que sempre a fai Olgha, ten boa man coa cosiña. É moi tranquilo; moito lle hai que tocar os pés pra que saque o xenio. O pelo que lle falta na cabesa teno no corpo. Sempre anda en manghas de camisa. O seu ghran ésito como taberneiro débese a que sabe escoitar.» Abisinio
Galilea
«Volveu de África non hai moito cun par de fillos. É nai solteira e ten unha atitude impropia dunha muller: sempre fala con moita aghresividade e está decote na barra da taberna. Atea e amante da siensia, que pra ela todo o pode esplicar; si, é unha iñoransia como outra calquera.» Pía
Lito
«Superstisioso e aghoirador, coñese toda lenda canta hai... e créeas todas!» Belisario
Senén
«Sempre nos entendemos ben. É un pouco máis novo ca min, mais estivemos moitos anos embarcados xuntos. Non se lle dan mal os naipes. De moso tiña unha noiva en cada porto, mais non casou con ninghunha. Leva o pelo moi curto e é de pel morena e estatura corrente.» Abisinio
Xuli
«É o fillo maior da Ghalilea. Neghro como unha noite, fraco como unha vimbia e inda que lle levo tres anos, hai tempo que me pasou en altura. É bastante reservado. Ghústalle moito aprender sobre calquera cousa. Mira que corre o cabrón!, máis ca calquera outro na vila. Mellor non falar do tamaño da súa pirola…» Xocas
Hoxe
«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea
—Cacho cariña me traes! Non che sentou ben o ar fresco, ou?
—Ponme unha, Belisario. Non ides crer o que acabo de ver aí fóra. Coido que debo de estar aínda intoxicado polo risado. Xa antes na fraga vira cousas estrañas, pero o de agora…
—Non ghomitaras o risado? —preguntoume Abisinio, un dos vellos habituais d’O Paporroibo.
—Home, non había quen tragase aquilo, pero supoño que algo chegou ó estómago e logo ó sangue, porque estas visións…
—Cando eramos novos, unha das tolerías que fasiamos era ver quen papaba a maior cantidade de risado fresco. Claro que nunca cheghamos a traghar nin un anaco que non saíse axiña coa sena do día anterior. Porén, ninghún de nós tivo nunca visiois.
—Non me parés’ tan estraño que tivese alghún episodio alusinatorio polo risado que papou na fragha. Tede en conta os efectos do risado ó coserse na pota. Unha trabada en cru ten que ter tal consentrasión desa substansia que non sería raro que unha persoa pouco habituada a el, nada neste caso, se vise afectada ata ese punto. Da mesma maneira que os efectos dun viño nalghén que nunca bebeu son moito máis fortes que noutro acostumado. Alghén así podería cheghar a se emborrachar cunha pequena cantidade. —Entrou na conversa unha muller alta, fraca, de verbo fácil e con moita seguridade nas súas palabras.
—Se o dis ti, Ghalilea, créoo. —Belisario confiou na palabra da muller—. E logho, que foi o que viches aí fóra?
—Supoño que xa non ten moito sentido, pero, en fin, de primeiras pensei que se trataba dun home. Era unha figura enxoita: vestía uns zapatos lustrosos, un chaleco a cadros e un fungo do que escapaban unhas longas gadellas. O curioso é que, aínda que tiña mans de persoa, a cara era a dun esqueleto. O caletre ás veces xog… —Unhas vellas sentadas nun dos fondos comezaron a se persignar cun ceno de espanto. O Paporroibo sumiuse nun estrondoso silencio.
—Mi madriña! Era o Mandado. Deus nos asista! —Lito, tras dicir isto, botouse con desolación sobre a barra coa fronte apoiada na man.
—O que?
—O Mandado da Crebandoughada —continuou incorporándose de novo—. É o servinte dun monstro que vive no monte, no máis fondo dunha escura cova. O Mandado, que é tal e como o describes (leva sapatos de charón, un chaleco a cadros, unha cadea dourada e uns fíos que sobresaen dos petos, ademais das crenchas cubertas polo fungho e a cara de esquelete a pesar das mans de persoa), baixa á vila de cando en ves e leva a alghén con el. Unha ves alí, coa persoa sedada, a Crebandoughada ábrelle o bandullo e comesa a comer nel. Cando remata, o Mandado cose a ferida cun fío máxico que non deixa sicatrises. A persoa, sen se lembrar de nada, reghresa á súa vida habitual. Aínda que morrerá en poucos días! —Un calafrío percorreume o espiñazo.
—Vaia… e que é o que lle come o monstro? Como é posíbel que a persoa siga vivindo? —intereseime.
—Cómelle as tripas —dixo Senén.
—Serás animal! Se comese as tripas como ía seghir vivindo ninghén, cómeche un ril —corrixiu Abisinio.
—Cun só ril funsionando, pódese faser vida normal. Que llo dighan á tía deste! —Galilea botou por terra o dito por Abisinio.
—Nin o un nin o outro. Enghole case toda a ánima —prosegue Lito.
—Home, claro, porque a ánima esta aí, xusto á dereita da visícula. Non che digho! —Abisinio de novo.
—De calquera maneira, sempre que se viu o Mandado, finou alghén ós poucos días. Non ten por que ser a persoa que o viu, porque un nunca sabe cando é levado polo Mandado. Non pode lembrar esa parte. Mais sempre hai alghén que espicha. Así que, polo que nos contas, sabemos que alghún de nós ha de morrer. Se cadra non vas ser ti, botaches fóra pouco tempo. —Menos mal. Pode soar un pouco egoísta e miserábel, porque se non son eu, será outra persoa; pero supón un alivio. Nunca crera en monstros. Unha tarde en Denantes abonda para facer medrar a dúbida en min.
—Non sexades túsaros! Estamos xa no século XX e seghides con estas lilainas. Os monstros, os espíritos ou os deuses non existen. Tanta trapallada é o Mandado coma a Crebandoughada, Xesús Cristo coma a Santa Compaña. Por suposto que o actor viu iso na fragha, el mesmo nos confesou antes estar baixo a acsión do risado sen cosiñar, de sufrir alusinasiois…
—Claro, e que casualidade que xusto un home que vén de fóra, que endexamais estivo aquí, describa con presisión o Mandado. Admite que non hai explicasión pra isto. Tes que aseptar as evidensias. Hai cousas que escapan ó control da siensia —interrompeuna Lito.
—Pero que dis? Escoitaríavos a alghún de vós a historia cando estivo eiquí, aínda que non fose de maneria consiente. —Neguei coa cabeza—. E o seu maxín, baixo os efectos alusinóxenos do risado e suxestionado pola historia, transformou un transeúnte calquera no Mandado. Dinos, que outras visiois tiveches na fragha antes de cheghar?
—Pois… —Hanse rir de min, pero prefiro a explicación científica e racional a que un monstro me puidese abrir en canal—. Ía eu pola fraga e vin un cativo detrás dun piñeiro. O raro, e por iso sei que foi unha alucinación, é que o rapaz era negro.
—Máis ou menos da cor de meu fillo? —Galilea sinalou unha mesa onde estaba sentado o rillote que vira na fraga. Levántome e achégome a el.
—Pero se cando te atopei na fraga e che preguntei se falabas o meu idioma, saíches correndo despois de dicir unhas palabras en lingua estranxeira.
—Ti viñeches berrando coma un tolo e usando infinitivos: «ENTENDER MIN. FALAR MEU IDIOMA?». Que esperabas que che respondese? «Si, ou cando menos unha variedade dialectal con conxughasión verbal»? Pois dixen unhas palabras sen significado, similares á idea que habías de ter d’alghunha linghua africana. Ves?, fíxeno pra que non se che prendesen as fasulas como aghora as tes.
Entón, se o rapaz negro non era unha alucinación…