Últimos preparativos
Muíño
Descrición.
Actor
«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora
Actor
«Estranxeiro que entúa en óperas de teatro. Está de visita en Denantes.» Siña Telesfora
Ádega
«Ten tres anos máis ca min, aínda que sempre tiven máis complisidade con Xiana. É rariña como ela soa: ghústalle calquera forma de arte, a pintura, a escultura e mesmo a poesía, sobre todo se están relasionadas coa morte. Ninghún outro membro tivo máis sorte ca ela de caer nesta familia. O seu pelo é moi escuro e ondulado e levanta pouquerrechiño do chan. Encárghase de fotos e retratos, de ghravar as lápidas ou calquera outro labor minimamente artístico.» Xocas
Landelino
«A dos Umbón, unha das poucas fortunas que quedan en Denantes, está tamén en vías de extinsión; neste caso a través do sinema. É o promotor do Muíño e o que se encargha de conseghir os filmes e coordinar as proxecsiois.» Galilea
Leuco
«Coma min, encántalle apresiar a belesa; aínda que os seus ghustos son máis heteroxéneos. Músico. Andará pola trintena, louro cos ollos asuis e ben paresido. Non casou.» Ádega
Osián
«Meu fillo. Ten quinse anos pero a forsa dunha mula. Colleu con ghanas a idea de me suseder. Encántalle o sinema. É unha ghrande axuda na preparasión das sesiois.» Landelino
Hoxe
«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea
—Como pode haber aquí un cinema se non teñen luz no pobo. É vostede o proxeccionista? —inquirín.
—Non é casualidade que o sinema estea adherido a un muíño. Non se trata dun sistema ótimo, mais si bastante efetivo. O muíño de augha é o que fai traballar o prosetor.
—Enxeñoso! Funciona ben?
—O maior problema era reprodusir a velosidade de proxesión con fidelidade, pra que os filmes fosen ó ritmo axeitado. Nin todos os días o río trae a mesma forsa nin todos os filmes teñen o mesmo número de fotoghramas por seghundo. Hai que axustalo en consecuensia. Pra iso, Heitor deseñounos un sistema de piñois co que podemos estableser en cada momento a velosidade axeitada. É un prosedemento a base de proba e erro: ata que os movementos dos atores non son naturais, non deixamos de axustar. Só temos iso en conta, incluso no caso de que nas bobinas veña marcada a velosidade de prosesión. Meu fillo, Osián, acadou unha asombrosa habilidade no seu manexo. É capás de axustalo rapidísimo. Falando del… —Un mozo entra pola porta.
—Xa vou tendo ganiñas de ver isto en marcha.
—Claro, decontado. Fillo, descárghame o filme da mula. —Saíu sen mediar palabra escaleiras abaixo—. Aquí ten os testos. Van numerados conforme os rótulos, ten que levar un pouco de tino pra non perderse.
—Procurareino. É a miña primeira vez. Mágoa que non saiba ale… Aaaah! —Ao me xirar, atopei un réptil nun estante.
—He, he! Non repararas neles, non si? Ó estarmos á beira do río, xa se sabe, andamos cheos de mosquitos. Espallar uns cantos laghartos pola sala atalla case por completo o problema. —O corazón aínda me vai a mil.
—Boas, cabaleiros. —Entrou un home refinado.
—Pero ves sen nada?! —reprochoulle Landelino.
—Si, o resto non podían vir, pero xa lles comentei como ía o conto. Ó final desidín que a ambientasión hox’ sexa a base de corda. Non habemos ter problema en axustar en directo unha pequena base que xa ensaiamos. —Landelino estaba estupefacto—. Veña, eu déixoos xa, que de pouca axuda sería por aquí. —Vaia, quen ía pensar que estes paspáns o tiñan tan ben montado.
—Aí tes. —O fillo entregoulle unha lata circular ao pai, mentres termaba dunhas cantas máis. O home axustou o rolo no proxector e conectouno a un mecanismo que saía do chan.
—Parés’ que co de onte debería traballar ben, ti que dis?
—Probaremos. Vou conectalo abaixo.
—Ádegha, por fin cheghas. Xa me tiñas preocupado. Máis che vale que veñas co cartel.
—Non, este rolo que traio na man é… Dá ighual! Mira.
A moza amosa unha pintura lúgubre. Unha figura feminina deitada no chan, exánime, coa roupa aberta. Deixa un seo ao descuberto polo que escorrega un regueiro de brillante sangue vermello. Brota dende unha fenda que ten no peito. Contrasta co resto do debuxo, pintado en branco e negro. Non acabo de ver a relación coa obra de Shakespeare. En letras angulosas, estaba escrito Hamlet na parte superior. Xusto debaixo, e máis pequeno, poñía: «con Asta Nielsen».
—Un peito ó ar e sanghe, mira que che ghusta… Anda, cólghao da porta. Non imos ter esta discusión outra ves.
—Este tipo de manifestacións son comúns na arte —apuntei en descargo da rapaza.
—Xa, xa, ben cho sei. —Asentiu—. Pero un chisco de variedade…
—Vai, papá! —emerxeu unha voz dende o piso de abaixo.
—Dálle! —Umbón fixo uns derradeiros axustes no aparato, apagou a maioría das lámpadas e a fita comezou a bulir. Empecei a seguir entón o escrito.
—UNHA MULLER?! —Fun incapaz de reprimir o grito ao ler que a adaptación cinematográfica partía da premisa de que Hamlet en realidade era unha muller. Hipótese dun profesor norteamericano, un tal Dinning. Tiña que ocultar o seu sexo para poder ser sucesora —sucesor— do rei moribundo. Típica «modernidade» deste invento do diaño. Nin os clásicos respectan…