Aparencia
Casa
Descrición.
Isadora
Descrición.
América
«Miña tía e nai de Breixo e Maeloc. Mestra de carpideiras. Baixiña e repoluda. É a mellor amigha de miña nai dende pequechas.» Xocas
Cibrao
Descrición
Iolanda
«Seica non lle resultou doado collerlle o pulso á familia. Aghora é unha choradeira máis ca desente e xa está habituada a convivir coa morte. Que vou disir do boa que é, son seu fillo.» Xocas
Isadora
Descrición
Xiana
«É unha muller moderna de máis, empeñada en se queixar por calquera diferensia de trato cos fillos varois. Ten mala hostia, pero cando quere é moi simpática. Media xuventude de Denantes anda atrás dela, mais non se lle coñese moso, e iso que xa supera os vinte. É tirando a alta, moi delghada e co pelo liso e claro. Estanlle a ensinar pra carpideira, pero dubido que ninghén queira que lle vaia chorar ó seu enterro. Axuda a mamá e á tía a preparar os cadáveres, fai ramos… un pouco de todo, coma o resto.» Xocas
Hoxe
«O presente. Flúe, mais permanese estático. Pasan os días e as semanas, pasan incluso as estasiois; endexamais os anos. Atrapados estamos nun espaso-tempo preghado sobre si mesmo. Cada episodio das nosas vidas é autoconclusivo, non ten continuidade no futuro.» Galilea
Ai, miña naiciña, miña naiciña! Pobriña ela! Teño que parecer forte diante de papá, el está desfeito, sen vontade. Xamais o vira así. Nin sequera cando Pauliña non puido saír adiante. A súa tristura estao a asomar ao limiar da cordura; apenas é quen de unir dúas palabras seguidas. Foi unha morte tan desafortunada que teño a sensación de que en calquera momento vou amañecer na miña cama dun pesadelo surrealista.
Papá non deixa a fiestra. Tenta agochar o seu pranto mirando ao exterior mentres espera polas Egruever. Mais aínda dende esta posición pódese ver como as bágoas se lle desprenden da face ao chegar ao queixo. Rematan nunha minúscula lagoa de desalento que se está a formar aos pés.
—Aí as están! —dixo emocionándose aínda máis ao pensar no que vai ter que dicir.
Entraron as tres mulleres: dúas de mediana idade e unha mociña. Serias mais coa tranquilidade de quen se enfrontou a isto nunha morea de ocasións.
—Está arriba… desfeitiña, a miña probiña! —Botou as mans á cara e comezou a debullarse en bágoas.
—Non se preocupe, Sibrao, xa verá como estará presentábel cando lle cheghen os fillos —tentou consolalo Iolanda—. Procurai que non suba ninghén mentres a lavamos e acondisionamos. Nun anaco virán co cadaleito e cando estea preparada xa a baixamos nel prá sala —dirixiuse agora a min ás abaixadas.
É abraiante a convicción coa que soben. Non sei eu se serán conscientes do panorama que lles espera. Meu pai conseguiu enxugarse as bágoas. Pasea agora inquedo arriba e abaixo.
—Isiña, vou saír a que me dea o ar.
—Vou con vostede. —Non o quero perder de vista.
—Non, presiso estar só. Ademais, alghén ten que quedar aquí pra resibi-las visitas —dixo de maneira entrecortada. Resulta evidente que non me quere con el e non é momento de discutir.
—D’acordo, mais prométame unha cousa. —Asinte—. Prométame que non fará ninghunha parvada aí fóra. —Bica os dedos e marcha.
O ruído da porta ao pecharse é o sinal que esperaba: coa soidade como pano de bágoas, derrúbome por completo.